1/26/2017

A importancia de ler

Saber ler é vital: pero ler non é só pasar a vista por un texto, é moito máis: comprender, analizar a información e extraer conclusións que nos permitan tomar decisións conscientes e responsables é un dos obxectivos fundamentais da etapa da Educación Secundaria e dende a Bioloxía contribuímos activamente á consecución de dito obxectivo.
Deste xeito,  unha vez traballados os contidos relacionados cos nutrintes, a dieta equilibrada e os métodos de conservación dos alimentos os alumnos e alumnas de 3º da ESO realizaron unha actividade grupal moi interesante: aprender a interpretar as etiquetas dos produtos envasados.

Para realizar dita actividade eles e elas mesmos foron traendo da súa propia casa ó longo dunha semana os envases de produtos que consumían frecuentemente.
Unha vez na aula, en grupo foron anotando e comentando as etiquetas de ditos alimentos fixándose en dous aspectos indicados pola profesora:
- Valor nutricional (que me aporta este alimento?)
- Método de conservación (que proceso sufriu o alimento antes de chegar a min?)
Alimentos traídos polos alumnos


Os obxectivos perseguidos eran, principalmente:
  • Reflexionar sobre o concepto "calorías vacías" daqueles produtos (repostería industrial...) que aportan unha gran cantidade de enerxía pero apenas teñen nutrientes reguladores ou estruturais.
  • Poñer en valor as alternativas pouco procesadas (iogur natural) fronte a outras opcións edulcoradas, con máis aditivos...
  • Concienciar da importancia dos produtos locais e de temporada (que non precisan aditivos nin tratamentos conservantes) que ademáis teñen un menor impacto medioambiental.
  • Meditar sobre a presión das campañas publicitarias por parte das industrias agroalimentarias e as "medias verdades" que aparecen nos envases (frases como "reduce o colesterol" ou "axuda ao sistema inmune")
  • Ensinar a importancia de ler o etiquetado antes de comprar un produto.

O alumnado traballou en pequenos grupos
O feito de que os produtos foran traídos polos propios alumnos foi fundamental, pois tratábase de que a actividade fora o máis significativa posible e adaptada ó seu contexto. Deste xeito non só aprenderon a ler con outros ollos senón que reflexionaron e debatiron sobre a idoneidade dalgúns produtos que consomen de xeito habitual.

Ampliación á lectura de números e a súa interpretación

No etiquetado dos alimentos a información numérica é fundamental. Aparecen valores coas unidades da magnitude medida que están referidos a unha parte do produto, xeralmente, cen gramos. Nalgún caso tamén podemos ver estes valores referidos a unha porción do alimento, que pode ser a que o fabricante recomenda consumir nunha comida. Tamén se inclúen porcentaxes, que se non se entenden ben dan lugar a interpretacións erróneas e por iso é importante que dentro da aula se traballen estes valores.


Nesta actividade levada a cabo con alumnado de 1º de ESO se lles ofreceu comer unha onza de chocolate do envase que se ve na imaxe. Os valores nutricionais son estándar neste tipo de alimento e ademais o peso da tableta, 100 g e a súa división, 10 partes, fai doado o seu estudo.
Algunha persoa tomou mais dunha e anotaron as cantidades tomadas. Logo calcularon e interpretaron a información nutricional da parte inxerida por cada un, analizando o tipo de unidade empregada e por que. Tamén valoramos que o peso dunha onza é un divisor do peso da tableta, que neste caso coincide coa referencia habitual, cen gramos, pero que noutras non, e hai que telo en conta.
Engadimos preguntas de tipo sensorial, como se lles gustara este chocolate e si tiñan sensación de saciedade ou mais fame. Como é un chocolate con moito cacao a algún resultoulle demasiado amargo, pero todos coincidiron en que tiñan mais fame. Isto nos levou á pregunta de canto chocolate comían dunha vez e qué cantidade de kcal supoñía esa inxesta, de xeito directo e en porcentaxe.
A conclusión final foi que comer só con este tipo de alimentos é perxudicial porque a cantidade que hai que tomar para saciarse supera ás dosis diarias recomendadas de enerxía.

Unha actividade similar foi realizada co alumnado de 2º de ESO
Neste caso o alimento era un aperitivo chamado "pico" (formato normal e integral). Como se ve na imaxe, o peso total do envase non é múltiplo de dez, e non coñecemos o peso dunha porción de alimento (un pico). Para obter esta información se fixeron distintas pesadas cunha báscula nutricional.
Pesar un só elemento daba erro por ser un valor moi baixo, entón fixemos pesadas de dez, concluíndo que o peso medio de cada pico era de dous gramos (valor redondeado).
Igual que no caso anterior, cada alumno fixo os cálculos da ración que comera e comparou os resultados cos aportados pola báscula, que conta na súa base de datos con valores estándar para este tipo de alimentos.
A actividade resultou moi interesante, porque empregamos unha ferramenta que a marioría deles non coñecían e que captou o seu interese.
Outras propostas para facer respecto dos valores numéricos de alimentos poden ser:
  • Construción de intervalos de dosis mínimas ou máximas en distintas unidades: gramos, onzas, fracción de tabletas ...
  • Cantidade media que pesa unha froita e si esta é ou non axeitada para unha ración.
  • Valorar si é mellor mercar a froita por unidades ou por peso.
  • Investigar se os cidadáns coñecen o valor nutricional da froita e outros alimentos de venta sen envase.
  • Comparar os valores nutricionais da báscula cos da base de datos española de composición de alimentos, bedca.
  • ....